Thursday 28 de March de 2024

Comercios da Pobra sacan os seus produtos á rúa


O Concello da Pobra do Caramiñal continúa presentando iniciativas coas cales dinamiza-la vida económica do municipio. A última proposta: a sétima edición de Comercio na rúa. Oito establecementos instalaranse no Cantón da Leña nos días 13, 14 e 15 de agosto, en horario continuado de 11.00 a 23.00 horas, e contará tamén con actividades de animación.

Búscase xerar así un espírito de comunidade comercial, incentiva-las compras nos locais de proximidade, poñer en valor os seus servizos e facilitarlles unha maior proxección aproveitando a época estival e un espazo tan concorrido da vila, tal e como explica a concelleira da Promoción Económica, Charo Varela (Nós Pobra), xunto coa técnica municipal desta área, Sara Sánchez, e algunhas das persoas propietarias dos negocios que formarán parte desta acción.

A oferta de produtos de tempada vai dende a alimentación ao téxtil e os comercios participantes son Burbujas, Fina Campaña, Amar Amares, Sweet & Roll, LuscoFusco, Entrena Galicia, El taller del calzado e Carey.